Presentámosche unha pequena selección de lendas e contos que percorren as nosas rutas, algunhas desde tempos ancestrais, e que se foran transmitindo de forma oral de xeración en xeración.
Lenda do carboeiro cotolai e a fonte do ouro

A tradición conta que Cotolai era un humilde carboeiro que vivía nunha cabana na ladeira do monte Pedroso. A súa vida cambiou cando coñeceu a san Francisco de Asís, que peregrinara a Compostela. Ambos compartiron consellos e ensinanzas. Antes de marchar a Italia, san Francisco encomendoulle a construción dun templo no lugar coñecido como Val de Deus. O carboeiro advertiulle que non tiña recursos para facelo, así que o santo aseguroulle que atoparía todo o que precisaba nunha fonte próxima a súa chabola. Así foi, Cotolai atopou o tesouro agochado co que financiou o que hoxe coñecemos como o convento de san Francisco. A súa tumba, onde se atopa unha inscrición do século XVI que narra o seu relato, pódese visitar no interior deste templo.
Relacionada coa ruta:


Lenda do dragón da igrexa de santa lucía

No Códice Calixtino cóntase que a raíña Lupa ordenou depositar os restos do Apóstolo no monte que agora se coñece como o Pico Sacro. Alí, os discípulos que o transportaban atoparon unha femia de dragón á que lle deron morte facendo o sinal da cruz, xa que esta figura estaba relacionada con cultos diabólicos que alí se celebraban. Ao morrer soltou tres ovos dentro da cova dos que nunca máis se soubo. Na fachada da igrexa de santa Lucía do Eixo hai un dragón tallado que o saber popular relaciona con esta lenda. Trátase dun final alternativo para este réptil que narra que, malferido, foi morrer alí. Noutra versión, cando estaban preparando o terreo para construír a igrexa, atoparon un dragón alado soterrado, que consideraron un dos fillos da “becha”.
Relacionada coa ruta:

Lenda de don álvaro de coimbra

No século XII existiu un nobre portugués que un, bo día, xa entrado en anos, decidiu cumprir a súa promesa e darlle un abrazo a Santiago, e así iniciou unha peregrinación con máis ilusión que forzas. Tras varias etapas e moitos esforzos, na tardiña do 24 de xullo chegou ás aforas de Compostela, mais a altura do cruzamento do Sar, quedou sen folgos para continuar e así sorprendeuno a noite. Pechou os ollos e resignado agardou a morte mentres pronunciaba: “Adeus, amada Coimbra! Mágoa non poder chegar a Santiago!”. Máis o último momento, unha forza poderosa transportouno ata o monte Gaiás, concretamente onde hoxe se atopa o Prisma dos Sentidos, e así, puido contemplar a cidade antes de morrer cun sorriso nos beizos, tras ver cumprido o seu obxectivo.
Relacionada coa ruta:


Lenda de juan tuorum, o home santo de bonaval

Juan Tuorum era un honrado ferrador, ancián venerable e pai dunha fermosa doncela. O seu único pecado foi defender os intereses da súa cidade. No ano 1330 o arcebispo Berenguel (autor da torre do reloxo da catedral, a Berenguela) regresa a Santiago despois dun desterro en Pontevedra motivado pola presión dos composteláns sobre un litixio relacionado coa Xurisdición Temporal de Santiago. Co retorno de Berenguel comezan as vinganzas e algún covarde que fora rexeitado pola filla de Tuorum, identificou a este como líder dos rebeldes que asaltaran a cámara arcebispal. Berenguel manda prendelo e condénao a morrer na forca na Costiña do Monte (Almáciga). Os composteláns agardan na porta do cárcere para acompáñalo, máis a execución nunca chegaría. Sobre estes feitos Neira de Mosquera ten unha novela, “A casa do diabro”.
Relacionada coas rutas:


Lenda de ramírez de arellano e o cruceiro maldito de conxo

Manuel Joseph Ramírez de Arellano e Sotomaior foi un fidalgo que viviu no século XVIII cuxa historia deu lugar a un cruceiro maldito por causa dun malentendido. Segundo a tradición e os documentos da época, un día achegouse aos predios que formaban as terras de Conxo e alí bateuse en duelo e morreu (noutro documento dise que foi asasinado nunha emboscada). A súa nai, Isabel de Sotomaior pagou para que no lugar da súa morte se colocara un cruceiro de pedra coa seguinte inscrición: “Aquí fino D. Manuel Joseph Ramírez de Arella no rueguen a Dios por él. Año de 1718 “. Esta frase creou confusión e o cruceiro foi considerado maldito, ata que o historiador Pérez Constanti aclarou que Arellano era o apelido do falecido. A súa localización orixinal era na rúa Matacáns, máis tarde pasou a Fonseca, debido ás obras do Ensanche, e agora podémolo contemplar na praza de san Fins de Solovio na zona do mercado de abastos. Tal inscrición aínda se pode ler coa luz axeitada No lugar onde faleceu 212 vivendas sociais, construídas en 1960, coñécense como casas de Ramírez na súa memoria.
Relacionada coa ruta:

Lenda da campá da igrexa de santa lucía

As campás teñen unha carga simbólica importante na nosa cultura e deron lugar a unha apaixonante tradición “da campá e dos campaneiros”. Sen dúbida teñen unha relevancia na memoria colectiva. Se nos fixamos na campá da igrexa de santa Lucía, esta chama a atención polo seu tamaño, que é desproporcionado con respecto á cavidade na que esta “encaixada”. Segundo un conto que percorre a parroquia, unha campá viña da catedral de León e viaxaba nun carro de bois, con destino á catedral de Santiago, mais como era moi pesada, os homes que a transportaban decidiron deixala alí. Esa campá orixinal, estaba ricamente decorada, rompeu co paso do tempo. Ao fundir unha nova, esta resultou ser aínda máis grande que a anterior, de tal modo que houbo que ensanchar o oco picando na pedra para que puidese encaixar. A veciñanza cre que existe unha maldición coas campás desa igrexa e que se mandan facer unha nova, será de maior tamaño. Non sabemos se esta historia será certa ou non, o que si coñecemos e a orixe desta última campá: foi fundida no 1989 nun taller de Arcos da Condesa, na provincia de Pontevedra.
Relacionada coa ruta:

Lenda da caseira, a bruxa do sarela

As meigas, esas mulleres con poderes extraordinarios ou máxicos, están profundamente arraigadas á cultura popular galega. Na primavera de 1930, apareceu unha nova nos xornais de Compostela. Era sobre unha muller: Josefa García, caseira de Sarela de Abaixo, da que se dicía que podía botar e quitar o mal de ollo, así como levantar a omoplata. Josefa era unha muller arrogante, violenta, insultadora e obscena que ameazaba aos veciños cos que non se levaba ben ata o punto de esperalos nos camiños coa finalidade de atacalos. Cóntase que elaboraba maleficios e beberaxes que podían traer desgrazas a un fogar (matar becerros, facer nacer fillos mortos, …) ou levantar maldicións. De feito, chegou a afirmar que se lle daban 500 pesetas acababa co mundo. Por fortuna, semella que ninguén llas deu.
Relacionada coas rutas:


Lenda de san marcos

Pasado o regato da Lavacolla, había que subir a costa da Rexidoira. Subía como peregrino San Marcos, que viña visitar ao Apóstolo Santiago. Case á metade da costa, alcánzalle outro peregrino máis novo, que trae un varal con sandalias moi gastadas. Moi falador e, en aparencia, bo coñecedor do camiño, San Marcos preguntoulle:
— “Xa que sabes tanto do camiño e das hospedaxes, dime canto falta para chegar a Santiago”.
— “Oh, moito, contestou o raparigo. Eu veño de Alemaña e falta outro tanto. Ves cantas sandalias? Pois outras tantas terei que gastar, xa que Santiago está ao final da Terra, no extremo do mundo”. (Cando en realidade só unha legua o separaba da fin do camiño).
San Marcos, ao oír isto, desanimouse e decidiu non continuar. Tamén mandou construír unha capela alí mesmo, orientada cara ao lado oposto á cidade (o nacente).
Relacionada coa ruta:

Lenda da virxe do sar

En xuño de 2020, un pescador atopou unha escultura gótica da Virxe co Neno no río Sar ao seu paso por Conxo. A peza data do século XIV, foi extraída e trasladada ao Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela. Crese que a imaxe, que pesa ao redor de 150 quilos, puido ter sido utilizada como recheo dun antigo dique. Vénse especulando coa súa orixe, e algunhas hipóteses asígnana ao mosteiro de Conxo ou a unha gruta desaparecida.
Relacionada coas rutas:



