Ruta 8 – Ponte do Sar

Ponte de pedra medieval sobre o río Sar construído para salvar o último obstáculo fluvial da Ruta da Plata. Consta de tres ollos, xa que o río era moito máis caudaloso entón. Atópase moi preto da colexiata do mesmo nome.

Ponte de pedra medieval sobre o río Sar construído para salvar o último obstáculo fluvial da Ruta da Plata. Consta de tres ollos, xa que o río era moito máis caudaloso entón. Atópase moi preto da colexiata do mesmo nome.

A fonte de Paredes é unha fonte histórica ben conservada. Atópase na ruta do Parque Fluvial de Santiago. Preto da fonte podemos atopar restos dos antigos curtidoiros, testemuñas da actividade industrial do pasado na zona.

É un muíño restaurado que está na zona onde se acondicionou a Senda Norte do Sar. Caracterízase por estar construído con bloques de granito nas esquinas e paredes de cachotería, utilizando pedra típica da zona, a anfibolita. Antes de chegar ao muíño, hai unha área recreativa con mesas e bancos, ideal para gozar da paisaxe e descansar.

Muíño restaurado que forma parte do conxunto de muíños do río Sarela, situado no Parque Fluvial de Santiago. Este, en particular, foi rehabilitado e convertido en aloxamento turístico. Está na parroquia de Aríns.

O edificio multiusos Fontes do Sar, proxectado nos anos 90, conta cun equipamento capaz de albergar grandes acontecementos deportivos ou concertos multitudinarios. A espectacular estrutura, en medio dun parque urbano próximo ao río Sar, é sede adecuada para grandes eventos, feiras e exposicións.

O Río Corgo, tamén coñecido como Río Corvo, é un pequeno río que nace no concello de Santiago de Compostela e desemboca no río Sarela. O río nace en Meixonfrío, ó norte da cidade, nun manancial á beira da rúa do Corgo. O seu percorrido é duns 5 quilómetros e discorre por algúns dos parques da cidade compostelá. Tamén hai treitos nos que o río foi artificialmente canalizado baixo a terra ó seu paso por zonas urbanas como interseccións de rúas ou a antiga feira do gando en Salgueiriños.

Dende setembro do 2017, engalanando o entorno da Carballeira do Restollal e representando unha grande ola, atopamos a escultura Ríos de Ferro. Formada por pezas alongadas de ferro, dita escultura foi realizada por artistas da forxa de toda España no primeiro Obradoiro de Forxa, organizado polo Consorcio e o Concello de Santiago e levado a cabo, en xuño de 2017, na Praza da Quintana. A dirección da obra recaeu en Miquel Xirau e Santiago Martínez, ademais de en Óscar Aldonza, creador do diseño orixinal.

O Tambre é o gran río da provincia da Coruña. Avanza ao longo de 130 km desde A Lagoa de Sobrado ata a ría de Muros e Noia, onde abraza ao Atlántico. Río de caudal xeneroso e pesca, con cotos coma os da Ponte Maceira, Chaián e Sigüeiro, onde se captura troita, ou o de Noia, de reo. Tamén podemos practicar deportes náuticos e darnos un baño nalgunha praia fluvial, como a do Refuxio, ou a de Chaián, por exemplo.

O río Roxos ao seu paso polos límites dos concellos de Santiago e Ames, cae en pendente acusada cara á súa desembocadura no río Sar formando unhas impresionantes fervenzas. O tramo está inzado de rápidos e pozas por entre unhas carballeiras mesturadas con loureiros e outras especies de árbores de ribeira. O caudal sofre subidas repentinas cando as chuvias conducen as augas cara ao sur. Hai tamén dous muíños arruinados cubertos de maleza. As augas limpas do Roxos despois desta caída mestúranse fronte ao castro de Mirás e as ruínas da antiga papeleira de Brandía coas augas do Sar.