PUNTOS DE INTERESE
ruta 14 Circular dos parques
Común ás rutas:




Parque das Brañas do Sar
As Brañas de Sar son un espazo dunhas 33 hectáreas que forman parte da cunca do río Sar. O paseo discorre dende as piscinas e o Multiusos Fontes do Sar ata Pontepedriña, enmarcado ao oriente polos montes Viso, Gaiás e Santas Mariñas e ao poñente pola fachada urbana da cidade, coa vía do ferrocarril.
Ata os anos 60 do século pasado, estas brañas eran un espazo poboado. O Sar era a praia de Compostela. Maiores e pequenos iban bañarse nas súas piscinas naturais e a merendar nas súas beiras. Outros lavaban, traballaban as terras ou iban moer millo nos muíños. No conxunto etnográfico queda testemuña en cinco muíños e un sistema de canles, regueiros, muros, lavadoiros e represas que conducen a auga, ademais dos camiños, pasos e pontes de pedra.
O inicio das obras da Cidade da Cultura no ano 2000 levou a realizar un estudo de todo o entorno do Monte Gaiás, o que permitiu atopar algúns elementos que evidenciaban que as Brañas do Sar tiñan recibido usos agrícolas dende, cando menos, o século V.


















