Ocio

Ruta 1 – Parque da Balea

Parque da Balea

Co obxectivo de ofrecer novas posibilidades de ocio familiar, os espazos exteriores da Cidade da Cultura contan con áreas de ocio infantís, listas para o gozo. O Parque da Balea, ubicado ao norte do complexo, conforma un espazo de xogo e descanso que homenaxea a un dos grandes artistas plásticos galegos: Urbano Lugrís.
No centro deste parque levántase unha estrutura con forma de balea, inspirada nos monstruos marinos de Lugrís, en concreto un cadro que se atopa na Casa dos Pescadores de Malpica, pintado como tributo aos antigos cazadores de baleas da Costa da Morte. Esta balea levántase no medio do lugar onde se recrea unha atmósfera fantástica, similar á dos mundos imaxinados por Lugrís, con testos xigantes – de máis de dous metros de alto – onde crecen bidueiros e outras plantas, un espazo con sombra, auga e vexetación.
Este parque está conectado co Bosque de Galicia, sendo a porta de acceso para aqueles que suban ao Gaiás recorrendo as sendas. Precisamente no acceso ao Parque da Balea desde o Bosque de Galicia sitúase unha segunda área de ocio infantil, equipada con randeeiras de formas abstractas, destinada a estimular a creatividade dos máis pequenos.

Ruta 1 – Museo Centro Gaiás

Museo Centro Gaiás

Un dos edificios máis singulares e con máis posibilidades de uso do Gaiás. Aspira a converterse no centro de exposicións de referencia de Galicia. Conta con dúas exposicións permanentes, de Luís Seoane e Urbano Lugrís, e un número indeterminado de exhibicións temporais.

Ruta 1 – Xardín literario

Xardín Literario

Espazo verde dedicado a escritores e poetas galegos. As súas árbores, dispostas ao redor dunha hectárea evocan a disposición das follas dun libro. Complétase cun pequeno sendeiro, o Camiño dos Libros, a carón de placas dispostas en círculo que evocan citas literarias. Foi deseñado pola arquitecta Isabel Aguirre.

Ruta 1 – Cidade da Cultura

Cidade da Cultura outra perspectiva

A Cidade da Cultura de Galicia é un complexo arquitectónico deseñado por Peter Eisenman que se erixe na cima do Monte Gaiás. Os distintos edificios e espazos do complexo acollen servizos e actividades destinados á preservación do patrimonio e a memoria, e ao estudo, a investigación, a experimentación, a produción e a difusión nos ámbitos das letras e o pensamento, materializado en música, teatro, danza, cine, artes visuais, creación audiovisual e comunicación.

Ruta 9 – Parque de Galeras

Escultura o escritor na sua terra a Vitor Vaqueiro no parque de Galeras

O parque de Galeras esténdese ao longo das marxes do río Sarela sobre un terreo case plano no que se une co arroio Corgo. Esta vaguada delimítana polo oeste a Leira do Espiño —frondosa e con romántico palacete modernista— e o Monte Pío —onde está a residencia do presidente de quenda da Comunidade Autónoma de Galicia—, e polo leste a cidade monumental, o que nos permite apreciar o contraste entre o tamaño dos bloques de vivendas e dos grandes edificios singulares (catedral, convento de San Francisco, facultade de Medicina, mosteiro de San Martín Pinario, antigo hospital etc.) e as pequenas casas e construcións de escala rural que soben cara ao monte Pedroso. Marca, por tanto, o límite entre a cidade e a contorna natural.
Galeras é sobre todo un gran prado, moi adecuado para o paseo, o xogo infantil e a práctica deportiva, que ten ademais nos seus bordos varias arquitecturas de autor, e cafeterías e restaurantes con vistas sobre o parque.

Scroll ao inicio
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacenase no teu navegador e realiza funcións tales como reconocerche cando volves a nosa web o axudar o noso equipo a comprender qué seccións da web encontras máis interesantes e útiles. Consulta a nosa política de privacidade.