Ocio

Ruta 12 – Hortas urbanas municipais de Brañas de Sar

Hortas Urbáns Municipais de Sar

Tras décadas en certo estado de abandono, sobre todo na segunda metade do século XX, as Brañas de Sar recibiron unha importante renovación entre 2015 e 2016 da man do Obradoiro de Emprego Xuvenil Ecotur.
Así, durante o tempo que se estenderon estes talleres leváronse a cabo tarefas de roza, podas selectivas, eliminación de especies invasoras, consolidación de camiños ou restauración de elementos auxiliares, para transformar as Brañas de Sar nun parque fluvial de pleno dereito.
Ao mesmo tempo tamén se realizaron obras de acondicionamento de hortas urbanas, aproveitando a presenza duns terreos de titularidade pública que non estaban a ser utilizados.
Deste modo, as Brañas de Sar pasaron a contar con 54 hortas urbanas para ser explotadas por parte da veciñanza, cada unha delas cunha superficie media de 55 metros cadrados.

Ruta 12 – Parque da Alameda

Paseo da Ferradura no parque da Alameda

Aínda que o parque recibe o nome xenérico de Alameda, componse de tres partes ben diferenciadas: o paseo da Alameda, a carballeira de Santa Susana e o paseo da Ferradura. A unidade así formada é, desde o século XIX, o máis importante punto de referencia dos paseos e do ocio dos santiagueses, caracterizada por ser un espazo moi acolledor, unha especie de salón natural.
A súa localización privilexiada, bordeando unha parte da cidade histórica, e con unha magnífica perspectiva sobre a súa fachada oeste – a máis monumental –, converteuno no principal xardín urbano, destacado ademais pola variedade e porte das súas especies arbóreas e ornamentais, como o conxunto de carballos, os espléndidos eucaliptos ou a pérgola con vistas que compoñen os castiñeiros de Indias no paseo da Ferradura.
O paso do tempo foi deixando pegadas na súa ordenación espacial, como se pode apreciar no paseo central, con corredores para as distintas clases sociais do XIX; no case arco triunfal que dá acceso ao paseo dos Leóns, ou na disposición de terrados, fontes e estanques. E tamén nas súas edificacións decimonónicas, modernistas e actuais – capela de Santa Susana, igrexa do Pilar, pombal, quiosco da música, banco acústico etc. –, na abundancia e formas das súas estatuas e esculturas, e no seu mobiliario, especialmente os bancos graníticos con artístico respaldo de fundación da coñecida fábrica galega de Sargadelos.

Ruta 12 – Parque da Balea

Parque da Balea

Co obxectivo de ofrecer novas posibilidades de ocio familiar, os espazos exteriores da Cidade da Cultura contan con áreas de ocio infantís, listas para o gozo. O Parque da Balea, ubicado ao norte do complexo, conforma un espazo de xogo e descanso que homenaxea a un dos grandes artistas plásticos galegos: Urbano Lugrís.
No centro deste parque levántase unha estrutura con forma de balea, inspirada nos monstruos marinos de Lugrís, en concreto un cadro que se atopa na Casa dos Pescadores de Malpica, pintado como tributo aos antigos cazadores de baleas da Costa da Morte. Esta balea levántase no medio do lugar onde se recrea unha atmósfera fantástica, similar á dos mundos imaxinados por Lugrís, con testos xigantes – de máis de dous metros de alto – onde crecen bidueiros e outras plantas, un espazo con sombra, auga e vexetación.
Este parque está conectado co Bosque de Galicia, sendo a porta de acceso para aqueles que suban ao Gaiás recorrendo as sendas. Precisamente no acceso ao Parque da Balea desde o Bosque de Galicia sitúase unha segunda área de ocio infantil, equipada con randeeiras de formas abstractas, destinada a estimular a creatividade dos máis pequenos.

Ruta 10 – Parque da Granxa do Xesto

Parque infantil Granxa do Xesto

Espazo natural na faldra do monte Pedroso que combina bosque, pradeiras e pequenos lagos. Conta con 3 km de paseos, parque infantil, cafetería e zonas deportivas. Desde este parque parten varios sendeiros que percorren o monte Pedroso, como o Vía Crucis con cruceiros de pedra que levan ata a cima do monte, onde hai vistas panorámicas de Santiago.

Ruta 10 – Parque da Selva Negra

Entrada á Selva Negra

O maior parque forestal de Santiago, con 220.000 metros cadrados plantados no século XVII pola veciñanza local. Situado na ladeira do monte Pedroso, foi empregado durante séculos para agricultura e pastoreo. O seu nome, Selva Negra, recorda a súa frondosidade e alude ao bosque alemán do mesmo nome.

Ruta 10 – Finca do Espiño

Finca do Espiño

Inaugurada no 2014, esta finca destaca polo seu valor botánico e arquitectónico. Situada ao carón do río Sarela e na ladeira do Monte Pedroso, alberga o Pazo construído entre 1910 e 1915 por orde de Ramón Gutiérrez de la Peña Quiroga. Deseñado polo arquitecto Jesús López Rego Labarta, o edificio presenta unha torre, capela con gárgolas e un escudo de armas. Rodeada de 18.000 metros cadrados de xardíns, conta con especies coma carballos centenarios, camelias de máis de 80 anos de antigüidade, acivros, araucarias e máis. Ten merendeiros e zonas de descanso con vistas ao casco histórico de Santiago.

Ruta 2 – Carballeira De San Lourenzo

Fonte da Carballeira de San Lourenzo

Sita no barrio que leva o seu nome, posúe a condición de Parque Patrimonial no Rexistro de Bens de Interese Cultural (BIC). San Lourenzo componse dunha carballeira centenaria, ao redor dunhas murallas tas as que atopamos un extenso xardín e o antigo monasterio de San Lourenzo (SXII), protegido pola Unesco. Co tempo converteuse nun pazo e na actualidade e un recoñecido restaurante para eventos. Na carballeira atopamos dous cruceiros e unha fonte de pedra.

Ruta 1 – Pista de skate do Xardín do Teatro

Parque de patinaxe do Xardín do Teatro

Este xardín de 11.500 metros cadrados conta con esta pista para practicar este deporte urbano. Ademais, no mesmo espazo podemos observar gran cantidade de especies de árbores e plantas procedentes de climas temperados e oceánicos, un rocódromo, áreas de xogos.

Ruta 1 – Brañas de Sar

Camiño do Pozo

As Brañas de Sar son un espazo dunhas 33 hectáreas que forman parte da cunca do río Sar. O paseo discorre desde as piscinas e o multiusos Fontes do Sar ata Pontepedriña, enmarcado ao oriente polos montes Viso, Gaiás e Santas Mariñas e ao poñente pola fachada urbana da cidade, coa vía do ferrocarril.
Ata os anos 60 do século pasado, estas brañas eran un espazo poboado. O Sar era a praia de Compostela. Maiores e pequenos ían bañarse nas súas piscinas naturais e a merendar nas súas beiras. Outros lavaban, traballaban as terras ou ían moer millo nos muíños. No conxunto etnográfico queda testemuña nos cinco muíños e un sistema de canles, regueiros, muros, lavadoiros e represas que conducen a auga, ademais dos camiños, pasos e pontes de pedra.
O inicio das obras da Cidade da Cultura no ano 2000 levou a realizar un estudo de todo o contorno do monte Gaiás, o que permitiu atopar algúns elementos que evidenciaban que as Brañas do Sar tiñan recibido usos agrícolas dende, cando menos, o século V.

Ruta 1 – Parque do Lago

Lago con parrulos

Área verde que conta cun lago duns 5.000 metros cuadrados, rodeado de vexetación e cunha plataforma de madeira con bancos. O proxecto de rexeneración foi dirixido pola arquitecta Isabel Aguirre. Conta tamén cunha carballeira convertida en espazo de ocio que tamén resulta ideal para a práctica do deporte. Unha rede de sendeiros permite o gozo do paseo polo parque e a conexión co Viso.

Scroll ao inicio
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacenase no teu navegador e realiza funcións tales como reconocerche cando volves a nosa web o axudar o noso equipo a comprender qué seccións da web encontras máis interesantes e útiles. Consulta a nosa política de privacidade.