PUNTOS DE INTERESE
rUTA 1 Bosque de Galicia – Cidade da Cultura – Parque do Lago
Común ás rutas:



Colexiata de Sar
Construída no século XII á beira do río Sar é, xunto á catedral, a igrexa que conserva a maior parte da súa primitiva fábrica románica. No exterior chaman a atención os robustos arcobotantes construídos entre os séculos XVII e XVIII para protexer os muros setentrionais e evitar o seu derrube: ben fose por un error técnico na construción, pola atrevida elevación das naves laterais, polo corremento do inestable terreo sobre o que se asenta, que a miúdo é inundado polo río, ou por vontade de quen traballaron na súa construción, os muros e columnas interiores están visiblemente inclinados, o que lle confire un singular atractivo e obrigou a refacer a bóveda de canón no século XVI.
O interior impresiona a todo aquel que o visita pola inclinación das columnas cara ás naves laterais, dando sensación de inestabilidade. A pía bautismal, á dereita da porta principal, é unha interesante peza arqueolóxica do século XII.
A través da sancristía pode accederse ao claustro, o único que posúe a cidade en estilo románico. Só se conserva unha das ás, o resto pertence aos séculos XVII e XVIII. Dentro exponse unha boa colección de pezas arqueolóxicas e litúrxicas.
A colexiata é tamén fogar do museo da colexiata de Sar, fundado en 1975, onde podemos ver pezas de valor histórico e documental moi importantes, coma o pergamiño fundacional do templo. A sección arqueolóxica fórmana unha serie de pezas do antigo claustro románico, obra do Mestre Mateo ou da súa escola.






















