PUNTOS DE INTERESE
ruta 17 San Lázaro – Monte do Gozo
Común ás rutas:

Capela de San Marcos
Pequeno e humilde templo situado no Monte do Gozo, primeiro lugar desde o que se albiscan as torres da catedral compostelá. Atópase a 4,5 km da cidade de Santiago. A primeira igrexa erguida neste enclave emblemático, da que apenas se conservan noticias, estivo dedicada á Santa Cruz e foi reconstruída no ano 1105 por orde do entón bispo Diego Xelmírez, quen dispuxo que se celebrase unha procesión anual o día de San Marcos.
O obxectivo era dotar este lugar simbólico, onde os peregrinos divisaban por primeira vez a cidade de Santiago ao mirar cara ao oeste, dun espazo para o culto. É posible que ao seu carón estivese o famoso humilladoiro do monte, do que hoxe non quedan restos. Alí os peregrinos depositaban unha pedra como mostra de permanencia e agradecemento por ter alcanzado as portas do sagrado recinto compostelán.
























