PUNTOS DE INTERESE
ruta 17 San Lázaro – Monte do Gozo
Común ás rutas:

Monte do Gozo
Este nome débese a que desde este punto os peregrinos poden observar por primeira vez as torres da Catedral de Santiago, de aí a alegría que produce entre os peregrinos. Xa aparece nomeado no “Códice Calixtino”, no s. XII. A importancia do lugar foi subliñada polo arcebispo de Santiago Diego Xelmírez, quen en torno ao ano 1105 ordenou construír neste lugar a igrexa da Santa Cruz, para facilitar a oración dos peregrinos recentemente chegados. A súa consagración deu lugar a unha impresionante procesión do clero de Compostela que tivo lugar o día de San Marcos, e probablemente sexa a actual capela de San Marcos.
En 1992, ás portas do Ano Santo Compostelán de 1993, gran parte dos terreos do Monte do Gozo foron destinados a un complexo recreativo e de acollida aos peregrinos. Hoxe podemos atopar un albergue e un parque de campismo para centos de persoas, así como cafetería, restaurante, lavandería e distintas tendas. Ademais, conta con amplas zonas verdes para pasear, un campo de fútbol e piscinas de balde.
























