Arquitectura

Ruta 11 – Ponte Cabirta

Ponte Cabirta

Ponte posiblemente medieval que atravesaba o río Sar un pouco máis arriba do castro de Quistiláns. O seu ancho non era maior que o dun carro e tiña a particularidade de que cruzaba o río sobre unha fervenza, ao facelo sobre dúas rochas de distinta altura o seu único arco é de cuarto de punto. Foi destruído por unha riada en 1987, quedando só o arco.
Contaban os vellos que estaba encantada, e que dela saía ao amencer unha galiña con pitos de ouro, e o que soubese desencantala levaría un gran tesouro.

Ruta 10 – Fundación Laboral da Construción

Fundación Laboral da Construción

O centro está situado na antiga curtiduría de Pontepedriña de Arriba (O Avío), na beira do Sarela. Trátase dunha vella fábrica de curtidos que data do século XVIII e que conta cun terreo adxacente, que suma, xunto co edificio, un total de 23.000 metros cadrados. As obras de rehabilitación conservaron a tipoloxía construtiva da zona, adaptando a fábrica de curtidos aos novos usos que ten como centro de formación. Este centro é o primeiro en España destinado á formación especializada e ao reciclaxe laboral de persoas traballadoras e empresas da construción, na área de rehabilitación en diferentes especialidades como a madeira, a cantería, a forxa ou o metal.
Nestas instalacións atópase a Sede do Consello Territorial de Galicia, incluíndo: o Centro de Formación da área de Santiago e os departamentos de Formación, Seguridade e Saúde, Comunicación e Administración de Galicia. É aquí onde se planifican e coordinan a formación impartida en toda Galicia e os servizos relacionados coa área de Seguridade e Saúde o Emprego.

Ruta 10 – Muíño do Avío

Muíño do Avío

Conxunto arquitectónico que incluía vivenda, muíño e hórreo. Ten tres bocas de desaugadoiro e foi adaptado coma suite turística. Feito en cachotería.

Ruta 10 Muíño do Romaño

Muíño do Romaño

Edificio rectangular con cuberta a dúas augas, muros de cachotería e cheminea. Está protexido como ben de interese cultural.

Ruta 10 – Ponte do Asén

Ponte Asén

Ponte dun só ollo, de perpiaño de granito. Descoñécese a época de construción aínda que polas súas características pode ser coetánea do curtidoiro de Asén, de finais do século XVIII e principios do XIX. Dá acceso ao barrio de Casas Novas, á Granxa do Xesto e a Monte Pío, seguindo o trazado do vía crucis que sobe pola ladeira do Pedroso.

Ruta 10 – Ponte dos Tres Ollos

Ponte dos Tres Ollos

Trátase dunha ponte de pedra con tres arcos de medio punto, o central moito máis grande que os laterais que servían de aliviadoiros. Aínda que é unha ponte en forma de lomba de mula, característica das pontes medievais, o paso debeu sufrir reparacións posteriormente. Aínda así, lémbranos as pequenas pontes de orixe romana que temos visto a lo longo da nosa xeografía. No lugar onde se sitúa esta ponte existe un conxunto patrimonial formado polas ruínas da curtidoría, un antigo muíño, a ponte de acceso á fábrica e una fonte con lavadoiro. O antigo camiño de Bergantiños, que cruzaba o Sarela por esta ponte, chega ata el desde a estrada de Carballo flanqueado polos plátanos de bo tamaño, configurando, no seu conxunto, unha fermosa paraxe.

Ruta 2 – Ruínas da fábrica de Ponte Sarela

Antigo curtidoiro da Ponte de Sarela vista frontal

Esta fábrica tamén é coñecida como a da Ribeira de San Lorenzo datada no século XVIII e pechada a finais dos anos 50 do século XX. A construción está ao pé do Camiño de Fisterra e permanece en ruínas, aínda que unha parte foi restaurada en tempos recentes e destinada a vivenda. O seu tamaño indica a importancia que tivo a industria do coiro en Compostela e as súas ruínas conservan lavadoiros, instalación do muíño de cáscara e canalizacións.

Ruta 1 – Museo Centro Gaiás

Museo Centro Gaiás

Un dos edificios máis singulares e con máis posibilidades de uso do Gaiás. Aspira a converterse no centro de exposicións de referencia de Galicia. Conta con dúas exposicións permanentes, de Luís Seoane e Urbano Lugrís, e un número indeterminado de exhibicións temporais.

Ruta 1 – O Prisma dos Sentidos

O Prisma dos Sentidos

Capela creada por Acislo Manzano que se abre á natureza e dialoga coa cidade. Está composta por varias capas grafiadas e perforadas con estrelas, ondas, … ofrecendo unha experiencia sensorial única. Unha lousa central recrea a tumba dun suposto peregrino relacionada coa lenda de don Álvaro de Coimbra.

Scroll ao inicio
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacenase no teu navegador e realiza funcións tales como reconocerche cando volves a nosa web o axudar o noso equipo a comprender qué seccións da web encontras máis interesantes e útiles. Consulta a nosa política de privacidade.