Ruta 8 – Fonte dos Capitáns

Esta fonte histórica está situada na carballeira entre Sar e a actual carreteira Santiago-Ourense, uns metros máis ao norte que o cano orixinal, que foi desmantelado cando os terreos foron ocupados pola estación de ferrocarril. Mais antigamente a situación era moi diferente, xa que se atopaba rodeada por un bosque de castiñeiros e carballos, os cales eran moi comúns e abundantes na zona naqueles tempos.
Segundo uns escritos, a súa orixe remóntase ao ano 1808, nos tempos da Guerra de Independencia, cando as tropas de Napoleón se atopaban acuarteladas na Colexiata de Santa María a Maior e Real de Sar, onde tiñan o seu campamento. A historia di que o nome da fonte débese a unha serie de abducións de capitáns das tropas francesas realizadas por un grupo de guerrilleiros ao redor desta fonte, pero tamén se consideran outras posibles orixes. Segundo o Boletín da RAG, o nome da fonte debe a súa orixe a Domingo Fontao, quen exercía de capitán, e a súa muller, sendo ambos coñecidos como os capitáns. Ao descubrir a fonte, acondicionouna para recoller a auga e esta pasou a ser coñecida como a Fonte dos Capitáns.









