Relixión

Ruta 7 – Colexiata de Sar

Colexiata de Sar

Construída no século XII á beira do río Sar é, xunto á Catedral, a igrexa que conserva a maior parte da súa primitiva fábrica románica. No exterior chaman a atención os robustos arcobotantes construídos entre os séculos XVII e XVIII para protexer os muros setentrionais e evitar o seu derrube: ben fose por un error técnico na construción, pola atrevida elevación das naves laterais, polo corremento do inestable terreo sobre o que se asenta, que a miúdo é inundado polo río, ou por vontade de quenes traballaron na súa construción, os muros e columnas interiores están visiblemente inclinados, o que lle confire un singular atractivo e obligou a refacer a bóveda de canón no século XVI.
O interior impresiona a todo aquel que o visita pola inclinación das columnas cara ás naves laterais,
dando sensación de inestabilidade. A pía bautismal, á dereita da porta principal, é unha interesante
peza arqueolóxica do século XII.
A través da sancristía pode accederse ao claustro, o único que posúe a cidade en estilo románico. Só
se conserva unha das ás, o resto pertence aos séculos XVII e XVIII. Dentro exponse unha boa
colección de piezas arqueolóxicas e litúrxicas.
A Colexiata é tamén fogar do Museo da Colexiata de Sar, fundado en 1975, onde podemos ver
pezas de valor histórico e documental moi importantes, coma o pergamiño fundacional do templo. A sección arqueolóxica fórmana unha serie de pezas do antiguo claustro románico, obra do Mestre Mateo ou da súa escola.

Ruta 20 – Igrexa de San Martiño de Laraño

Igrexa Laraño vista frontal

Igrexa de traza barroca con planta rectangular, ábsida cadrada e sancristía acaroada ao muro sur. Tellado a dúas augas, e a catro na capela maior, e máis elevado que o resto da nave. Os muros van recebados e pintados de branco, agás no corpo do presbiterio. Amosa fachada con pouca decoración, con porta alintelada e riba dela unha ventá. A continuación, e separada por cornixa, unha fornela con adornos de pilastras, cornixa de molduras e pináculos de bóla imbuídos no lenzo do muro, nela podemos ver a figura do patrón da parroquia, San Martiño. Nas esquinas do tellado vai coroada con pináculos de bóla. Do centro da fachada érguese o campanario con catro vans de oco de arco de medio punto rematado, despois de cornixa e adornos de pináculos, en pequena cúpula con pináculo na cima con unha cruz de forxa. Ten un adro con arboredo, cruceiro e palco de música, e no muro norte que enmarca o seu terreo hai unha fonte e un lavadoiro.
A igrexa está a carón da vía do tren.

Ruta 18 – Cruceiro de Guadalupe

Cruceiro de Guadalupe

O cruceiro de Guadalupe atópase no barrio de Vite, en Santiago de Compostela, e forma parte do conxunto da Capela da nosa Señora de Guadalupe. Non é un cruceiro illado, senón que forma parte dun conxunto arquitectónico que inclúe a capela e outros elementos como unha fonte coroada cun busto de Vicente Ramos.

Ruta 18 – Cruceiro de San Xoán

Cruceiro de San Xoán

O cruceiro de San Xoán de Vite atópase na parroquia de Vite, en Santiago de Compostela. É unha cruz de granito con imaxes de Cristo crucificado e a Virxe Dolorosa, situada sobre unha roca natural, posiblemente nun lugar que antes tivo un significado pagán.
Parada habitual para os peregrinos que visitan Santiago de Compostela.

Ruta 16 – Igrexa de San Pedro

Praciña de San Pedro

Baixando pola rúa de San Pedro, seguindo en sentido contrario o camiño que conduce aos peregrinos do camiño Francés cara á Porta do Camiño, atopamos esta igrexa de estilo neoclásico do século XVIII. Conserva algúns restos da primitiva construción do antigo mosteiro de San Pedro de Fóra, do século XII, sobre o que se levantou a nova fábrica.
No seu atrio atopáronse restos de enterramentos, moi probablemente de monxes e peregrinos dos séculos XII a XV soterrados no antigo mosteiro beneditino, que prestou servizo de hospedería aos devotos do Apóstolo moito antes de que se construíse o Hostal dos Reis Católicos no século XVI.
No interior do templo destacan as tallas de Ferreiro.

Ruta 16 – Igrexa de San Domingos de Bonaval

Entrada a Igrexa de San Domingos de Bonaval

S. XIV. Gótico con reminiscencias románicas. A igrexa foi construída no século XIV seguindo os canons da arquitectura mendicante. Consta de tres naves separadas por arcos de medio punto e unha estilizada capela maior con altas xanelas e bóveda de cruzaría. A través do convento accédese ao seu interior, no que destacan os catro sepulcros góticos situados a ambos os dous lados do altar, as virxes co Neno do século XV e a capela do Rosario, que contén retablos barrocos elaborados por Pedro Taboada e Francisco Castro Canseco. É de gran interese o Panteón de Galicia, situado nunha capela lateral da igrexa, onde repousan, entre outros, Rosalía de Castro, Castelao, Alfredo Brañas, Ramón Cabanillas e Francisco Asorey. Por este motivo este templo é un lugar asociado á memoria galeguista. O claustro alberga un interesante cruceiro gótico. Na actualidade utilízase como lugar de exposicións e concertos.

Ruta 16 – Igrexa de San Caetano

Igrexa de San Caetano

Este templo foi fundado en 1701 polo capitán Bartolomeu de Verea e Vázquez e a súa esposa dona Ángela  de Cora e Ponte e Andrade. Fronte ao barroquismo predominante en Santiago na época da súa construción, este templo destaca pola súa gran sinxeleza e pola marcada influencia da arquitectura popular. A súa planta é de cruz latina con cabeceira recta e o transepto destacado en alzado, ao elevarse o cruceiro e os brazos laterais sobre o nivel do tellado a dúas augas que cobre a nave principal... Os muros están cubertos con recebo, salvo a rúa central da fachada principal e os remates dos vans que deixan á vista a cantaría en granito. Sobre a portada, rematada cun arco de medio punto de moldura lisa, ábrese unha xanela rectangular sobre a que campan as armas dos fundadores. O conxunto coróase no vértice coa espadana de corpo rectangular no que se abren dous arcos de medio punto flanqueados por pilastras que sosteñen un frontón triangular rematado con pináculos.

Ruta 17 – Cruz do Monte do Gozo

Cruz no Monte do Gozo

A Cruz de Metal do Monte do Gozo é un monumento que conmemora a visita do Papa Xoán Paulo II a Santiago de Compostela no ano 1989 con motivo da Xornada Mundial da Xuventude. Este evento contribuíu a popularizar aínda máis o Camiño de Santiago a nivel internacional. O monumento foi construído en 1993 e atópase no Monte do Gozo, un lugar emblemático do Camiño de Santiago desde o que os peregrinos poden albiscar por primeira vez as torres da Catedral de Santiago.

Scroll ao inicio
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacenase no teu navegador e realiza funcións tales como reconocerche cando volves a nosa web o axudar o noso equipo a comprender qué seccións da web encontras máis interesantes e útiles. Consulta a nosa política de privacidade.