PUNTOS DE INTERESE
ruta 16 Itinerario verde urbano
Común ás rutas:

Igrexa de San Caetano
Este templo foi fundado en 1701 polo capitán Bartolomeu de Verea e Vázquez e a súa esposa dona Ángela de Cora e Ponte e Andrade. Fronte ao barroquismo predominante en Santiago na época da súa construción, este templo destaca pola súa gran sinxeleza e pola marcada influencia da arquitectura popular. A súa planta é de cruz latina con cabeceira recta e o transepto destacado en alzado, ao elevarse o cruceiro e os brazos laterais sobre o nivel do tellado a dúas augas que cobre a nave principal… Os muros están cubertos con recebo, salvo a rúa central da fachada principal e os remates dos vans que deixan á vista a cantaría en granito. Sobre a portada, rematada cun arco de medio punto de moldura lisa, ábrese unha xanela rectangular sobre a que campan as armas dos fundadores. O conxunto coróase no vértice coa espadana de corpo rectangular no que se abren dous arcos de medio punto flanqueados por pilastras que sosteñen un frontón triangular rematado con pináculos.



































