PUNTOS DE INTERESE
ruta 12 Sendeiro Cidade da Cultura – Alameda
Común ás rutas:


Parque da Balea
Co obxectivo de ofrecer novas posibilidades de ocio familiar, os espazos exteriores da Cidade da Cultura contan con áreas de ocio infantís, listas para o gozo. O Parque da Balea, ubicado ao norte do complexo, conforma un espazo de xogo e descanso que homenaxea a un dos grandes artistas plásticos galegos: Urbano Lugrís.
No centro deste parque levántase unha estrutura con forma de balea, inspirada nos monstruos marinos de Lugrís, en concreto un cadro que se atopa na Casa dos Pescadores de Malpica, pintado como tributo aos antigos cazadores de baleas da Costa da Morte. Esta balea levántase no medio do lugar onde se recrea unha atmósfera fantástica, similar á dos mundos imaxinados por Lugrís, con testos xigantes – de máis de dous metros de alto – onde crecen bidueiros e outras plantas, un espazo con sombra, auga e vexetación.
Este parque está conectado co Bosque de Galicia, sendo a porta de acceso para aqueles que suban ao Gaiás recorrendo as sendas. Precisamente no acceso ao Parque da Balea desde o Bosque de Galicia sitúase unha segunda área de ocio infantil, equipada con randeeiras de formas abstractas, destinada a estimular a creatividade dos máis pequenos.






























