PUNTOS DE INTERESE
ruta 12 Sendeiro Cidade da Cultura – Alameda
Común ás rutas:

Catedral de Santiago
No século IX, o bispo Teodomiro de Iria Flavia identifica un templo romano como a tumba do apóstolo Santiago. Este descubrimento fai que o rei Afonso II, o Casto mande erixir un modesto templo en torno a dita construción pagá. O aumento das peregrinacións e unha certa estabilidade tras os ataques árabes conducen a unha nova construción que se inicia no ano 1075, durante o reinado de Afonso VI e baixo a dirección arcebispal de Diego de Peláez. Iníciase así a construción da catedral románica que continúa durante o arcebispado de Diego Xelmírez e que xa non parará ata converterse no gran templo que hoxe podemos contemplar.
A catedral está construída en cadeirado de granito con cubertas de laxes no mesmo material. Construción románica de planta de cruz latina, brazo lonxitudinal e transepto de tres naves, deambulatorio na cabeceira e tribuna que recorre todo o perímetro; capelas laterais que se dispoñen ordenadamente ao longo de todo o templo e posúen un espazo con individualidade propia, de época románica só se conservan algunhas do deambulatorio.
Naves laterais cubertas con bóveda de aresta, nave central con bóveda de canón peraltada e suxeita por arcos faixóns e triforio con cuarto de canón. A fachada da Acibechería é neoclásica (Ventura Rodríguez e Lois Monteagudo). A fachada das Praterías é románica e paradigma da iconografía medieval. A Porta Santa, barroca (1611), só é aberta os anos santos. A fachada do Obradoiro (Fernando de Casas Novoa, 1738 – 1750) é unha combinación de pedra e vidro, e destaca a gran fiestra do corpo central, dos maiores anteriores á Revolución Industrial.






























