PUNTOS DE INTERESE
ruta 12 Sendeiro Cidade da Cultura – Alameda
Común ás rutas:

Praza do Obradoiro
Recibiu o nome de Obradoiro por ter durante case dez anos, de 1738 a 1747, o obradoiro onde se labraron as pedras da fachada barroca, que levantou o arquitecto galego Fernando de Casas Novoa en substitución da primitiva románica. As torres acadan unha altura de 74 metros. Ao seu costado consérvase o Pazo de Xelmírez, construído no século XII, ao mesmo tempo que a primitiva catedral románica. A residencia dos cóengos, no lado oposto, alberga na actualidade o Museo Catedralicio.
Outros tres edificios, de diversas épocas e estilos, cerran a praza: o Colexio de San Xerome, fundado polo bispo Fonseca, cunha portada románico-oxival; o Pazo de Raxoi, de estilo neoclásico do XVIII, construíuse para seminario de confesores, residencia de nenos do coro da catedral e casa consistorial da cidade; e o Hospital Real, mandado construír polos Reis Católicos para acoller a peregrinos e enfermos é un fermoso exemplar de estilo plateresco, pouco frecuente en Galicia, actualmente convertido en parador de turismo.






























